Obras de acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol
O acceso unirá os dous portos ferroláns, interior e exterior. Conta cun túnel de 5,6 kms. e un viaduto de 300 m. sobre a enseada da Malata.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitou esta semana as obras do ramal ferroviario que unirá os dous portos de Ferrol, interior e exterior. O ramal é de dobre ancho e ten 6,4 kms. de lonxitude. Conta cun túnel de 5,6 kms cunha galería de evacuación paralela á vía férrea e un viaduto de 300 m. sobre a enseada da Malata.
O Porto Exterior de Ferrol, cunha superficie aproximada de 1.000.000 m2, quere situarse como referente loxístico no Atlántico do sur de Europa. En 2016 movéronse máis de 30 millóns de toneladas de mercadorías.
O presidente aproveitou para sinalar o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento de infraestruturas en Galicia.
Destacou a confirmación por parte do Ministerio de Fomento da adxudicación do último tramo de autovía entre Santiago e Lugo e lembrou a actual execución das obras entre Ourense e Lugo.
Por último sinalou o compromiso de finalizar o tren de alta velocidade a Galicia a finais de 2019, conforme ao calendario.